"Valorización da biomasa forestal en biochar para reducir emisións no sector agrogandeiro"

Dada a ampla vocación gandeira que ten Galicia, o control das emisións contaminantes a atmosfera por parte do sector gandeiro e a importancia do aporte de materia orgánica ao chan, son cuestións fundamentais que é preciso abordar. As emisións de gases contaminantes como o amoníaco ou gases de efecto invernadoiro como metano e óxido nitroso, son quizais, o principal problema ao que se enfrontan as explotacións gandeiras, non só en España, senón en toda Europa Ademais, as elevadas concentracións de amoníaco nas naves de cría é un dos principais problemas aos que se enfrontan as granxas avícolas, posto que pode chegar a ser tóxico. Esta é unha cuestión moi importante a abordar para o benestar animal e das persoas que traballan nas granxas.

Dende este punto de vista, no proxecto nado no ano 2020 “Optimización do aproveitamento da biomasa forestal residual e revalorización do material extraído da mesma” FEADER 2020/031, e executado polos socios que conforman o proxecto ECOCHAR, comprobouse que o biochar de madeira de piñeiro reduciu case un 70 % as emisións de amoníaco do xurro e nun 16,2 % as emisións de metano durante un mes.

O biochar ten un potencial significativo para reducir as emisións de gases contaminantes e mellorar a fertilidade do solo, devido a unha gran capacidade de intercambio catiónico, unha gran superficie específica e unha estrutura moi estable. Así, as propiedades do biochar foron recoñecidas polo IPCC (2022) para o secuestro de carbono no solo, a redución das emisións de GEI dos fertilizantes orgánicos como esterco ou compost, o aumento dos rendementos dos cultivos, a mellora da eficiencia no uso de nitróxeno e a redución de cheiros, entre outros.