O biochar ou biocarbón é un material relativamente estable e rico en carbono producido ao someterse a biomasa a unha elevada temperatura nun ambiente en ausencia de osíxeno. Este composto obtense, polo tanto, mediante un proceso de pirólise e difire do carbón vexetal en que é producido nun proceso térmico con exceso de osíxeno. A pirolización evita en maior medida a perda de carbono, polo que o biochar mantén altos porcentaxes de carbono fixo fronte o mero carbón vexetal. Por este motivo, considerase biochar aquel biocarbón que presenta un contido de carbono fixo superior ao 50 % (Lehmann, J. 2009). Ademais, a día de hoxe, considérase un reservorio de carbono de mais longa duración cando se obtén da biomasa procedente de restos ou material forestal non valorizado (Escalante, A. 2016), converténdose nunha estratexia global de fixación para mitigar o cambio climático e os seus aspectos negativos.
Neste senso, no territorio galego existen especies forestais invasoras, como poden ser as acacias, sen un claro aproveitamento ou revalorización e cunhas necesidades de xestión e eliminación que aínda deben ser exploradas. Así como os restos forestais procedentes de outros aproveitamentos, como por exemplo, a cortiza e estelas no proceso de serrado de piñeiros, que permitirían obter un biochar que revaloriza estes materiais ao mesmo tempo que cumpre coas finalidades ambientais comentadas.
No obstante, as propiedades do biochar dependen de diversos factores, como a materia prima empregada, as condicións de produción e os tratamentos de post-produción (Chatterjee et al. 2020). Polo que, para que os beneficios agronómicos sexan máximos, os biochars deberán ser producidos tendo en conta estes parámetros, o cal se realizará neste proxecto a partir dun forno pirolítico desenvolto na Uvigo.
Neste proxecto avaliarase, polo tanto, o efecto do biochar na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro: CH4 e N20, e NH3 nas diferentes fases de xestión dunha gandería de vacún e de aves, así como o poder fertilizante do xurro con biochar no chan.